Historia

A nosa tradición vitivinícola

Aínda que a orixe das nosas castes procede da época romana, foron os mosteiros do medievo en Galicia e moi particularmente no noso caso o de Oia, por atoparse na subzona do O Rosal, os encargados da súa expansión. Aquí, os monxes do Císter trouxeron as súas formas de cultivo e axiña comezaron a interesarse polas oportunidades que ofrecían para o viñedo as terras do Baixo Miño. Coas uvas obtiñan viño para poder ofrecelo nos seus servizos relixiosos, así coma vendelo ás familias burguesas e nobres que tiñan un consumo habitual. A xente humilde tamén o bebía con motivo das celebracións que se levaban a cabo.

Foron, polo tanto, os abades do Mosteiro de Oia quen, a través das súas prácticas e adecuación de variedades, introduciron no Rosal as bases da nosa enoloxía.

Desta maneira, século tras século, ano tras ano e xeración tras xeración, o cultivo da vide foi sempre unha actividade esencial na vida da nosa xente, coñecedoras do gran potencial outorgado polas súas privilexiadas leiras e o seu especial microclima, tan propicio para tal labor.

Ó igual que outras actividades do campo, as vitivinícolas supuñan unha colaboración entre tódolos veciños das pequenas aldeas que formaban O Rosal. Durante a vendima, as “ bandas do pobo” xuntábanse para axudar, para compartir e en definitiva, para estreitar os seus lazos de amizade e camaradería e gozar de algo que lles era tan seu, tan propio e arraigado ás súas raíces.

As casas rurais e as súas adegas eran parte inseparable e era tal a súa unión que dificilmente se podían entender por separado. Nelas, os lagares ou lagaretas esperaban ansiosos poder prensar as uvas que con tanto agarimo se recolleran, mentres os barrís dábanlle a benvida ós primeiros mostos.

O labor dos nosos pais e avós supuñan a miúdo considerables esforzos, pero a satisfacción de comprobar os froitos obtidos foi sempre para eles moito maior.

Con este principio en mente e cos viños que dende sempre se elaboraron nas adegas das nosas familias, nace TORROXAL was born, as the coma o regreso e reflexo daqueles tintos e brancos que se degustaban nas casas, romarías e vellas tabernas do Rosal.

Só coñecendo a nosa cultura e as nosas costumes, poderiamos saber a onde nos dirixiamos e cales eran as nosas metas.

Pensamos que a mellor homenaxe que podiamos facer á nosa xente era perpetuar o que eles con tanto esmero e agarimo conservaron e non deixar caer no esquecemento o que sempre nos identificou coma pobo, recuperando variedades que estaban a piques de desaparecer.

So deste xeito, a través dunha filosofía de tenacidade e seriedade, puidemos pór en marcha este proxecto, cargado de ilusión e lembranza que durante tanto tempo permaneceu nas mentes dos que hoxe formamos o equipo de Torroxal.

Viñas do Torroxal, s.l. Avda. Ordóñez, 10 - 36750 Goián - Pontevedra / Tlf.: +34 986 621 359 - Fax: +34 986 621 340 - L.S.S.I.